SAN MAMEDE

Ubicación

Nun dos mais fermosos e vizosos vales do País, acabado de formar na terceira Glaciación do Cuaternario, está enclavada Maceda, esa privilexiada Vila da Galicia Interior. Asentada ao Oeste da Serra de San Mamede, ocupa unha ladeira de gándara que bañan os ríos Maceda, Asadur e Tioira, afluentes do Arnoia que, no seu curso superior, pasa por estas terras, motivo polo que xeógrafos actuais rexeitan a denominación de Otero Pedraio e outros estudosos de Limia Alta e prefiren chamarlle Alto Arnoia.

Clima

Goza dun clima ideal de media montaña, non excesivamente frío nin húmido e dun terreo arxiloso apto para pastizais e cultivo de cereais e plantas de forraxe, con augas abondosas que, de seren empregadas de forma racional, poderían facer deste val, que está protexido contra os ventos polas montañas que o rodean, un dos mais ricos da Nosa Terra.

Paisaxe

Goza dunhas paraxes naturais idílicas como a sempre impresionante e maxestosa Serra de San Mamede, con os seus 1.620 metros de altitude, idóneos para o sendeirismo e o montañismo. As autoridades sanitarias recomendan acudir as alturas superiores a os 1.500 metros para fortalecer o organismo. No alto do rodicio respirarse probablemente o aire mais limpo e puro do País; pódese observar o Cañón do Sil en toda a súa inmensidade; practicar a ala delta e parapente, inclusive percorre-lo en catamarán. Hai, aínda que abandonadas, minas de estaño en Badrei e de xeito cristalizado no Rodicio, que poden ser visitadas. Tamén hai xazigos e canteiras de arxila, lignito sen explotar e gravas das que noutra época tiraron proveito maos alleas.