O RÍO MACEDA

O río “Maceda”, ou río “Sor” como lle chaman algúns historiadores e macedáns é o protagonista fluvial desta vila; limita ó leste co pobo, ven de Niñodaguia e segue o seu camiño ata Baños de Molgas.

De sempre, foi un bo río troiteiro, surcado por un grande número de muíños, algúns deles hoxe restaurados.

En Maceda levouse a cabo un grande proxecto con respecto a recuperación das marxes deste río cun presuposto de máis de 2.000.000 de euros financiando un 30% a Deputación Provincial de Ourense e un 70% a “Confederación Hidrográfica do Norte”, mediante aportacións do Fondo Europeo de “Desarrollo Regional” (FEDER), da Unión Europea.

Paseo o carón do río

O obxectivo desta actuación foi a recuperación do entorno natural do río mediante accións de rexeneración ambiental, como desbroce de matorrais e silveiras, tala de arbustos, poda das ramas e limpeza de residuos orgánicos, plantacións de árbores coa debida sinalización do nome popular e científico de cada especie, protección de erosión mediante muros de madeira e granito, áreas de descanso con bancos de madeira, mesas de granito, elementos de xogo infantís, refuxios de madeira, acondicionamento e recuperación de camiños de acceso a zonas singulares do río, demolición de elementos inadecuados…, etc, ó fin, a construción dun paseo peatonal de case tres quilómetros, onde o paseante pode disfrutar dun entorno privilexiado.

O paseo do río “Maceda”, en definitiva, é un pracer para os sentidos, onde o camiñante pode contemplar gozando da natureza e acougar uns intres para percibir o son máxico da auga.